Reunión do Consello Galego de Graduados Sociais de Galicia
O presidente do Consello Galego de Graduados Sociais de Galicia e presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, D. Manuel Núñez Carreira, reuniuse xunto aos membros do Consello Galego, D. Cándido Sanisidro López (secretario); D. Alejandro Pérez Otero (tesoureiro) e Dª. Nuria López Rajó (vogal) co director xeral de Xustiza, D. José Tronchoni Albert, co fin de tratar os temas que actualmente resultan de interese para o colectivo.
Os graduados sociais como profesionais que demostraron ao longo destes anos o noso bo facer no ámbito da conciliación previa aos xuízos na xurisdición social, ademais de achegar experiencia na paz social en dous colectivos tan dispares como son os empresarios e os traballadores. Froito desta implicación, consideramos que debe terse en conta por parte da dirección xeral de Xustiza a inclusión no ámbito da mediación, tendo en conta a próxima lei de eficiencia procesual na que se instaura como peza fundamental os medios alternativos para a solución de conflitos.
Por parte do director xeral de Xustiza recoñécese este gran labor desenvolvido polos graduados sociais, que se erixe en peza esencial da xustiza social, plasmado na práctica diaria co valor do diálogo, do pacto e do acordo. Sendo por todo iso necesario valorar a nosa inclusión como axentes necesarios na institución da mediación e ofrecendo o apoio necesario para a formación dos colexiados en tan complexa actividade.
Así mesmo trasladamos as reivindicacións que teñen pendentes co lexislador, co fin que sexa recoñecido como un verdadeiro operador xurídico. Temas nos que seguimos insistindo, como son a posibilidade da interposición dos recursos de casación no ámbito da xurisdición social e a necesaria reforma da Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta e a inclusión dos graduados sociais para a representación e defensa no ámbito social.