Acto de Xura da 73 promoción da Carreira Xudicial do TSXG
O pasado venres 7 de febreiro celebrouse a xura da 73.ª promoción da Carreira Xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, acto o cal asistiu o vicepresidente deste colexio, D. Jose Luis Piñón Calvo.
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiu o acto de xuramento ou promesa ante a Sala de Goberno das seis xuízas e o xuíz destinados este ano á comunidade, procedentes da 73.ª promoción da Carreira Xudicial. Durante a cerimonia, Díaz-Castroverde asegurou que “para dispoñer dunha auténtica Xustiza do século XXI, cando non do século XXII” é necesario realizar cambios. Por iso, incidiu na oportunidade que supón a reforma que introducirá no funcionamento dos órganos e na planta xudicial a Lei Orgánica 1/2025, de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.
“A obriga dos que temos responsabilidades de goberno e de quen as teña no futuro é mellorar o que temos e aproveitar ao máximo as oportunidades que nos brinda a nova lexislación”, sinalou, á vez que indicou que, a pesar de que a Xustiza vive “un momento delicado”, hai “motivos para o optimismo”, entre os que enumerou, ademais da nova lei de eficiencia, a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
Con todo, o presidente do alto tribunal galego advertiu ás novas xuízas e ao xuíz que terán que convivir co actual “descrédito” do Poder Xudicial e de quen o integra, á vez que manifestou que reverter a actual situación non é só responsabilidade dos membros da carreira xudicial, “senón que esixe un esforzo conxunto de todos os poderes do Estado para situar a cada un deles no lugar que lle corresponde, sen dar lugar a continuas intromisións ou censuras carentes de realidade, que ao único que conducen é a que a cidadanía perda a confianza non só no Poder Xudicial, senón en todos os poderes do Estado”.
Díaz-Castroverde incidiu en que o Poder Xudicial é “imprescindible para o funcionamento do Estado de Dereito e para a propia subsistencia da democracia” e engadiu que os novos xuíces/zas representan “a toda a nosa sociedade civil e a todo o noso arco ideolóxico e social”. Por último, lembrou aos integrantes da 73.ª promoción da Carreira Xudicial as “obrigas” que considera necesario que teñan “sempre en mente” ao longo da súa traxectoria profesional, entre as que destacou: “independencia, imparcialidade, integridade, empatía, humildade e ilusión”.
A xuíza Yasmina Pita González, primeira na escala dos destinados a Galicia e que interveu no acto en representación das súas compañeiras/o, afirmou que serán “capaces de enfrontar os desafíos que xurdan e contribuír a que a Xustiza sexa cada vez máis accesible e equitativa para todos”. Así, recalcou que velarán porque a Xustiza se administre “con imparcialidade, sensatez e un firme respecto polos dereitos fundamentais de todas as persoas”, pois corresponde aos xuíces e xuízas “protexer os dereitos e intereses, persoais e patrimoniais, de todas as persoas, sen excepción”.
Pita tamén resaltou a necesidade de que o sistema xudicial sexa “áxil, accesible e que responda aos desafíos do século XXI”, para o que asegurou que os membros da carreira xudicial deben “manter un compromiso de actualización constante, tanto nos aspectos técnicos como éticos”. Ademais, subliñou que “a violencia de xénero, a brecha salarial e a discriminación en moitos ámbitos” seguen sendo “obstáculos para a plena igualdade”. Por iso, garantiu que tanto ela como os seus compañeiros contribuirán “a que todos e todas, independentemente da súa situación, atopen no sistema xudicial un defensor dos seus dereitos, un aliado para a resolución dos seus problemas e unha protección contra a inxustiza”.
Ao acto, ademais da Sala de Goberno do TSXG e do vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial José Luis Costa Pillado, asistiron representantes de outros colexios profesionais, autoridades civís e militares e familiares dos novos integrantes da carreira xudicial.
Destinos da 73.ª promoción en Galicia:
Yasmina Pita González
Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº1 de Monforte.
Nadia Santos Pita
Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº2 de Noia.
Javier del Río Gómez
Xuíz en Expectativa de Destino da provincia de Pontevedra (reforzo dos xulgados de Primeira Instancia de Vigo).
Patricia Fernández Pampín
Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº2 de Vilagarcía.
María Jesús Mosteiro Meijide
Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº3 do Porriño.
Leila María López Fernández
Xuíza en Expectativa de Destino da provincia de Lugo (reforzo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Sarria).
Mélanie Guillín Martínez
Xuíza en Expectativa de Destino da provincia da Coruña (reforzo dos xulgados de Primeira Instancia da Coruña).